Sunday 28 de April de 2024

Mato Otero sinala que o coidado do planeta pasa por apostar por un novo sistema produtivo baseado na economía circular e que reduza os gases efecto invernadoiro


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio manifesta que a solución está identificada , polo que é de vital importancia para o coidado da Terra planificar un proceso de transición que actúe de forma progresiva

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou que o coidado e protección do planeta pasa por abandonar o actual modelo produtivo baseado no consumo de combustibles fósiles e avanzar cada un modelo practicamente libre de emisións de gases efecto invernadoiro.

Beatriz Mato Otero ofreceu esta mañá unha charla ao alumnado da Facultade de Dereito, baixo o título Pensa en verde; cara un modelo sostible, onde explicou que a solución está identificada, polo que agora é o momento de poñela en práctica, ao tempo que recoñeceu que “non é un cambio que se poida facer dun día para outro”. Nese sentido, defendeu a planificación dun proceso de transición que actúe de forma progresiva, tentando acadar os obxectivos ao mínimo custe posible.

Sinalou que ese cambio virá da man do potencial investigador das universidades, “auténticas fábricas de ideas” para progresar no coidado do medio ambiente e na ordenación racional do territorio. “A chamada cuarta revolución industrial xa está aquí”, matizou, polo que Galicia non se pode quedar á marxe da mesma, é dicir, “os galegos debemos estar na vangarda” e para estar nesa primeira liña é necesario o I+D+i do ámbito universitario.

Por último, recordou que Galicia xa ten camiño percorrido e un plan de traballo concreto que se base en tres liñas de actuación: a Estratexia de Cambio e Enerxía 2050, na que se fixarán as medias a tomar a longo prazo e na que tamén se definirá un mapa de coñecemento en cambio climático. A previsión é presentar a estratexia no segundo semestre de 2018.

A segunda liña é a Estratexia Galega de Sustentabilidade Ambiental, coa que se pretende integrar de xeito equilibrado as tres dimensións do desenvolvemento sustentable: económica, social e medioambiental. E, por último, a Estratexia Galega de Economía Circular, en cuxa redacción participa á comunidade universitaria de Galicia, e que o seu principal activo é converter os residuos en recursos, fronte o actual sistema de fabricar-usar e tirar.